miércoles, 26 de octubre de 2016

TALLER DE COCIÑA MONSTRUOSA EN INFANTIL

Hoxe os peques de Infantil fixeron un taller de cociña con receitas monstruosas. Mesturamos aos de 3, 4 e 5 anos e en dúas quendas fixemos sinxelas receitas monstruosas que logo degustaron sen medo ningún.


Taller cociña Monstruosa by Slidely Slideshow

lunes, 24 de octubre de 2016

CONTOS DE MEDO

Un curso máis, hoxe durante a Hora de Ler fixemos noso clásico obradoiro de lecturas entre os distintos niveis.

Aproveitando a semana do SAMAÍN Os mestres escolleron unha lectura de medo, que a publicitaron cun cartel na porta da aula e na que os nenos e nenas íanse anotando segundo as súas preferencias.

Aquí redes unha pequena montaxe dos momentos.

b by Slidely Slideshow

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

Hoxe, 24 de outubro, celebramos en tódolos centros escolares o Día das Bibliotecas.
Dende esta ventaniña queremos desexarvos a todos e todas un feliz día, sen esquecer que a nosa mascota Abadiño e o seu equipo estamos aí para o que precisedes.

Acompañamos esta entrada coa imaxe do cartel conmemorativo deste ano e un pequeno e fermosísimo texto da escritora Ledicia Costas, no que fala das bibliotecas e da labor dos que nela traballan.



“Un vagalume é unha illa diminuta extraviada na noite máis densa. Cen vagalumes, unha constelación misteriosa que marca o rumbo cara a outros universos. Así, con esa estratexia de luz, organízanse os libros que moran nas bibliotecas. Son aloumiños fosforescentes que incendian os soños e recompoñen os corazóns grises ata facelos recobrar o seu vermello brillante. Calquera individuo que padeza a síndrome do corazón gris, debería poñerse en mans dun experto e visitar unha biblioteca.
Para escribir un libro, ademais de facer malabarismos coas palabras hai que ser unha desvergonzada ou un tolo. Un atrevido, unha excéntrica descontrolada! Levar un calcetín de lunares, outro de raias e os pelos de punta. Unha crista como as das cacatúas sería un peiteado ben interesante para un escritor. Só as mentes máis disparatadas son aptas para escribir libros. Mais para custodialos non chega con ter un desaxuste nos cables cerebrais. É indispensable ser de fóra. Un extraterrestre. As bibliotecas albergan seres con antenas xiratorias, cerebros milliométricos que memorizan títulos rebuscados, rimbombantes, campanudos. As persoas que custodian os libros sempre me pareceron criaturas singulares. Están dotadas de extremidades retráctiles que estiran e estiran ata alcanzar aquel volume ao que semellaba imposible acceder. E logo, coma se nada, recompóñense e todo volve á súa posición natural. Semellan seres humanos, mais a pouco que os observes, percibirás que non son de aquí. Unha das cousas que máis me fascina é o seu cerebro. Parécenme tan listos! Os libros fabrican pensamentos. Pasar tantas horas dentro dunha factoría de ideas é bo para ter un corazón vermello e brillante e unha cabeza chea de plans fantásticos.
Alguén me contou que o 24 de outubro é o Día das Bibliotecas. Sería xenial montar unha festa con confeti e pompas de xabón. Unha cousa grande. A min encantaríame vestirme para tal ocasión coma o personaxe dalgún libro, sentar na mesa dunha biblioteca da cidade onde vivo, e agardar a que viñesen visitarme. Nas bibliotecas podes ser quen ti queiras. Desde Mary Poppins ata Matilda. Atreyu, Drácula e ata Pippilotta Viktualia Rullgardina Krusmynta Efraimsdotter Långstrump. Podes poñer botas de pelo, plumas, zancos e sombreiros. Sombreiros! Iso é! Imaxino a unha pequena lectora achegándose a min discretamente, engaiolada polas cores e formas do meu chapeu:

—Sombrereira tola, que festa tan marabillosa! Sería tan amable de servirme unha taza de té?
Eu serviríalla con moito gusto, poñendo cara de muller refinada, e logo as dúas faríamos a un tempo ruído ao tragar. Soaría algo así como glup glup glup. E antes de que nos dese tempo de botarnos a rir de xeito desenfreado, aparecería o bibliotecario, como xurdido da nada, que para iso posúen a facultade de materializarse diante de ti no momento máis inoportuno, e nos advertiría de que as bibliotecas non son lugares aptos para ir merendar. Hai que recoñecer que son únicos custodiando tesouros. Extraterrestres co corazón vermello e brillante. Que cousa tan fantástica. Feliz Día das Bibliotecas!”

Ledicia Costas

O ZAPATEIRO E O RAPOSO

A semana pasada tivemos a visita da ex-profe de Música, María José Gulín. Presentou para os peques de 1º,2º, 3º e 4º, o seu último libro "O zapateiro e o raposo" da editorial Bolanda.
Veu acompañada da ilustradora Antía Barba, que fixo as delicias dos nenos e nenas mostrando en directo como elabora as fermosas ilustracións do conto.


martes, 18 de octubre de 2016

FORMACIÓN DE USUARIOS

Novo curso que comez e novos mestres e alumnado que chegan ao centro.
Dende a biblioteca facemos unhas sesións de formación de usuarios para que os novos coñezan o funcionamento da nosa biblioteca e ao mesmo tempo lembrarlle cousas aos que xa estaban no cole.

domingo, 2 de octubre de 2016

NOVO CURSO ESCOLAR

Agora si que si, a biblioteca de Abadiño logo de un mes de setembro de obras co cambio de ventás e pintura, abre as súas portas o luns 3 de outubro.
Esperamos ver as vosas caras de novo e gozar xuntos dun novo curso escolar cheo de lecturas e mundos máxicos por descubrir.