jueves, 17 de diciembre de 2015

OS PEQUES DE INFANTIL CANTANDO POLO NADAL

Hoxe no cole, os nenos e nenas de Infantil preparamos unha fermosa canción relacionada co Nadal para desexarvos a todos unhas felices festas e un próspero ano novo. Déixovos con estes pequenos grandes artistas.
Vémonos á volta das vacacións!!


miércoles, 16 de diciembre de 2015

RECOMENDACIÓNS PARA O NADAL

Un ano máis chega o Nadal, e nestas datas nas que os pequenos e pequenas non se cansan de pedir agasallos aos Reis Magos ou Papá Noel Abadiño quere axudar ás familias nesta tarefa cunhas recomendacións de títulos variados para tódalas idades.

Non deixedes de facerlle caso que este Abadiño sabe moitooooooo!!!!

NOVA VISITA E NOVO CONTO

Unha vez máis a ex-profe de música, Mª José Gulín agasallounos coa lectura dun dos seus contos "A bola de cristal". Nesta ocasión o público foron os alumnos e alumnas de 3º e 4º.


jueves, 10 de diciembre de 2015

A NOSA PEQUENA HOMENAXE A NEIRA VILAS


Na entrada do centro montamos un mural para lembrar a vida e obra deste Galego das Letras, con fotografías e ilustraccións de Díaz Pardo, sacadas do seu libro "Memorias dun neno labrego" que cada aula decorou ao seu gusto.





lunes, 30 de noviembre de 2015

ADEUS A XOSÉ NEIRA VILAS

O venres 27 de novembro espertamos coa mala nova do pasamento do escritor Xosé Neira Vilas, quen finou na súa casa de Gres, Vila de Cruces, á idade de 87 anos. Grande escritor e autor dun dos libros esenciais das nosas letras galegas "Memorias dun neno Labrego".

Título publicado orixinalmente no 1961 e que conta a historia de Balbino, un neno do rural da Galicia dun tempo pasado,  que foi e seguirá sendo unha lectura obrigada para o noso alumnado.
A obra máis vendida e traducida da literatura galega de tódolos tempos.

Alá onde estes Neira Vilas, de seguro que Balbino estará contigo. E aquí,  grazas á túa obra, sempre estarás con nós.



viernes, 27 de noviembre de 2015

XUNTOS POLA IGUALDADE DE XÉNERO

Como xa sabedes, o pasado mércores foi o Día Internacional contra a violencia de xénero. Todos os cursos do cole estivemos decorando unhas letras xigantes coas que reivindicar dalgún xeito que tod@s somos iguais e que non é preciso o uso da violencia para convivir homes e mulleres.

A frase sobre a que traballamos foi "FAI UN BO USO DAS TÚAS MANS", así como a palabra "NON". Cada curso as decorou aproveitando os materiais da nova aula de plástica.
Como non tivemos sorte o mércores co tempo, decidimos pospoñer ata hoxe a saída ao patio para recoller nunha foto este momento dos nenos e nenas do CEIP Lamas de Abade xuntos pola non violencia de xénero.

Aquí tedes algunhas instantáneas do momento.

miércoles, 25 de noviembre de 2015

25 DE NOVEMBRO: DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Hoxe na biblioteca quixemos aproveitar o recreo para facer unha presentación en power point do conto "Artur e Clementina" da editorial Kalandraka. Unha historia de dúas tartarugas, na que se reivindica o rol feminino, se reflexan os estereotipos sexistas e se denuncia a discriminación.

O traballo preparouno o alumnado de 5º e 6º coa axuda da profe Raquel.
Tivemos tanto público esperando na porta que foi necesario facer dous pases.

Moitas grazas pola vosa colaboración rapaces.

viernes, 20 de noviembre de 2015

CONTA ATRÁS PARA O DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Un ano máis, dende a biblioteca non queremos deixar de traballar sobre esta situación que golpea a sociedade día tras día.

Montamos unhas bolsas para cada un dos niveis cunhas lecturas nas que as nenas que aparecen desempeñan un rol activo e protagonista, no que se liberan aos nenos e nenas dos roles de xénero máis estereotipado, nos que se condenan o maltrato e a violencia, textos nos que se fomenta a igualdade e a tolerancia.

Ao mesmo tempo, enviamos a todo o profesorado un documento adxunto cunha serie de enlaces con videos, cancións, diapositivas... para complementar o traballo de aula.





miércoles, 28 de octubre de 2015

UN NOVO SAMAÍN

Como ven sendo nos últimos anos, Abadiño propuxo un novo obradoiro de lecturas de medo para que os nenos e nenas do cole poidan gozar de lecturas terroríficas da man dos profes e en distintos espazos do centro.
Así que tocaba escoller lectura, anotarse e esperar ao mércores na Hora de Ler para gozar deste momento.
Aquí podedes ver varias imaxes da ocasión.